Dentro da campaña de Nadal e co obxectivo de dinamizar e fomentar o comercio e o sector servizos no noso municipio, dende o Concello da Fonsagrada convócase o “4º Concurso de Escaparates e Decoración de Nadal para establecementos comerciais” 2022.

O presente concurso ten por obxecto promover a creatividade do pequeno comercio do noso Concello, premiando aos negocios con mellor decoración de Nadal e que proporcionen un mellor ambiente festivo, fomentando as actuacións de promoción e animación que atraian ao público a visitar os negocios do municipio nesa época. A través desta campaña conséguese que estas empresas sexan atractivas aos visitantes e veciño/as e se visualice a calidade dos seus produtos e servizos.

Poderán participar no concurso todos os establecementos comerciais abertos ao público no Concello da Fonsagrada, calquera que sexa a súa actividade.

O tema a desenvolver na decoración será relativo as Festas de Nadal. A técnica e o estilo utilizados serán totalmente libres.

Os interesados en participar neste concurso deberán realizar a súa inscrición segundo o formulario do ANEXO I das presentes bases. Enviarase por correo electrónico xunto cunha foto do escaparate decorado a escaparatesfonsagrada@gmail.com como data límite o 14 de decembro do presente ano. A inscrición será gratuita.

Os establecementos que participen no certame estarán identificados cun cartel e deberán manter a decoración de Nadal dende o día 15 de decembro de 2022 ata o 7 de xaneiro de 2023. Dita decoración dos escaparates e negocios gardará relación directa co Nadal.

Os premios serán tres diplomas aos 3 comercios finalistas e as seguintes cantidades económicas:

Premio á mellor iluminación: 300€

Premio á mellor ambientación de Nadal: 300€

Premio ao máis orixinal : 300€