• Hoxe 13º 9
  • Martes 9º 6
  • Miércoles 8º 6

Ruta de Gallol

Comezamos subindo pola estrada LU-740 dirección A Fonsagrada e viramos no primeiro camiño á esquerda. Enseguida chegamos a un pequeno núcleo de casas onde destaca “Villa Severina” co seu hórreo de teito. Viramos na primeira rúa á dereita, deixando á esquerda o aloxamento turístico. Deseguido atopamos de novo a estrada LU-740, e cruzámola para continuar pola dereita por un camiño no que deixaremos atrás o asfalto.

Continuamos e tras superar unha baixada de forte pendente, o camiño atravesa unha repoboación de piñeiro. Uns centos de metros máis adiante, poderemos descubrir na marxe esquerda do camiño unha carboeira.

O camiño condúcenos ata un promontorio de pedra con miradoiro, no que se agocha un cortín encaixado na base da rocha. Temos que continuar a ascensión ata o castro, que bordearemos e comezamos a baixada ata o Río Rodil.

Atopamos a Ponte Nova ou Ponte do Rodil dende a que podemos ver a desembocadura do Río Veiga do Logares no Rodil. Cruzamos o río e comezamos a subida ata que atopamos unha corripa na beira esquerda do camiño, que neste punto se bifurca. Seguimos polo ramal da dereita, que nos conduce ata unha ramificación circular, polo que aquí temos a posibilidade de reducir o roteiro.

Tras cruzar a Ponte do Castelo tomamos a primeira desviación á man esquerda, que nos sube ata o pobo de Parada, noutro tempo habitado. Baixamos ata o Río Parada, que nos guiará ata chegar ós Muíños de Parada. Desandamos un tramo do percorrido ata a Ponte do Castelo e novamente na corripa, collemos o ramal da dereita.

Comezamos unha forte ascensión atravesando un souto, no que as miradas atentas poderán observar as marcas de propiedade fendidas na cortiza dos castiñeiros. Seguimos o camiño e vemos á dereita o pobo de Vilarín do Castelo, o camiño continua ata que tomamos a primeira desviación á man esquerda, que nos introducirá novamente nun gran souto.

O camiño estreitase nunha corredoira que discorre entre muros e baixo o dosel dos acivros e dalgún teixo, o que nos anuncia a chegada ó pobo de lutuoso pasado, de Vilarxubín. Cruzaremos o pobo e comezamos a baixar polo souto ata chegar de novo ó Río Rodil e a súa unión co Pontigón. Traspasaremos a Ponte de Beltrán, e tras cruzar o bosque e superar unha forte subida, chegamos a un camiño que atravesa unha zona de repoboación de piñeiros.

O camiño comeza cunha forte ascensión, na que xa se pode adiviñar o fin do roteiro. Este tramo da ruta é coincidente ca ruta de Santo André.
Tras pasar unha escura corredoira que discorre entre prados de pastoreo, chegamos de novo á estrada LU-740 e á escola de Vilardíaz.

Localización

Cargando...